Historia Couto Mixto
Do século XII ao XIX, constituíuse un territorio independente localizado na zona fronteiriza entre Portugal e España, unha superficie de vinte e sete quilómetros cadrados e aproximadamente uns 1000 habitantes.
O Couto Mixto naceu ligado ao Castelo de Picoña (nas inmediacións de Randín), vinculado no tempo coa Casa de Bragança e máis tarde, coa Casa de Lemos e Monterrei.
A orixinalidade deste enclave foi a de manter a súa propia organización, á marxe do poder e a autoridade que exercían españois e portugueses. A ausencia dun señor medieval en torno ao cal se cohesionase un embrión de Estado, fixo que o Couto Mixto non figure hoxe nos mapas.
O Couto Mixto era un territorio que comprendía os pobos de Santiago, Rubiás (Concello de Calvos de Randín) e Meaus (Concello de Baltar), independente de ambos reinos.
A súa forma de goberno estaba baseada nunha República Federal composta por Santiago, que sería a capital e centro de administración política, Rubiás vila de maior tamaño e Meaus, o núcleo económico e comercial. Desde Meaus exportábanse e importaban tecidos, útiles de ferraxería, labranza, sal, gañado e café, etc...
Ademais de gozar do poder democrático, os habitantes gozaban dunha serie de privilexios:
- os seus cidadáns estaban exentos de pagar impostos
- non tiñan obrigación de servir en ningún exército
- estaban autorizados a portar armas en calquera situación
- podían elixir entre a nacionalidade española, portuguesa ou ser cidadáns do propio Couto Mixto
- dispensa de servizo militar
- dereito de asilo, non podían ser detidos nin por españois, nin por portugueses, por ningunha infracción, excepto por delitos de sangue
- en caso de guerra na que estivesen involucrados algún dos dous países, os habitantes do Couto Mixto considerábanse incluídos na administración do outro país
- a liberdade de comercio e de cultivos
Esta xurisdición favorecía as actividades económicas e mesmo o contrabando. Para poder exercitar estés privilexios, respecto ao aspecto comercial, dispoñían dun camiño inmune á acción das gardas fronteirizas, que comunicaba o Couto coa vila portuguesa de Tourém.
Este "Camiño Privilexiado", aproximádamente duns once quilómetros, usábase como vía de comercio. O camiño cruzaba as tres aldeas do Couto Mixto, travesaba as terras de Randín, bordeaba o "Outeiro dá Picoña", penetraba en terras portuguesas e terminaba en Tourém (Portugal). O percorrido estaba sinalado nalgúns sitios con cruces marcadas en marcos de pedra.
Socialmente a súa poboación caracterizábase pola súa pobreza, analfabetismo e endogamia. Os cabezas de familia encargábanse dos labores duros do campo, contrabando, caza, pesca e algúns labores artesanais tales como traballos de ferreiro, xastres ou zapateiros; as mulleres dos labores da casa e fillos.
Os habitantes do Couto Mixto cando se decidían por unha nacionalidade, asumían o risco de ser molestados polas autoridades do país escollido. Sinalaban a súa nacionalidade nas portas das casas coa letra E ou P pero este sistema durou pouco tempo. Decidiron disimulalas para non ser molestados polas autoridades portuguesas ou españolas.
O idioma popular no Couto Mixto era o galego e nos documentos escritos e escolas usábase o castelán.
O arca orixinal e o seu contido foron destruídos polo exército Francés do Mariscal Soult, en 1809 (batallas Napoleónicas), mentres fuxían da Península Ibérica. Hoxe pódese ver unha restauración da mesma no interior da Igrexa Parroquial de Santiago (que contén os arquivos referentes á recuperación da Memoria Histórica, iniciada en 1998).
No banco de pedra do atrio da Igrexa de Santiago, hai unha estatua de bronce. Está, representa ao Xuíz, o xefe político, administrativo e xudicial do Couto. Era elixido democraticamente cada tres anos polos habitantes das tres aldeas. Neste mesmo banco, as autoridades reuníanse para decidir sobre os seus asuntos, configurando unha sociedade altamente comunitaria.
Todos os documentos nos que constaban as decisións do Couto, recollíanse e gardábanse no Arca. Para abrir o arca preparábase unha cerimonia na que tiñan que, estar presentes, o Xuíz, os tres posuidores das chaves <<Homes de acordo>>, os seis homes (dous de cada aldea) e o chamado <<Vigairo de mes>> e a súa misión fundamental era a defensa dos dereitos dos veciños, manter a organización e a observancia das regras sociais e laborais.
Un dos signos distintivos da autoridade do Xuíz, era o uso dun bastón branco, propia dos xuíces ordinarios. O último Xuíz Delfín Modesto Brandon, residía en Rubías, responsable de impartir as normas, deixou escrito unha historieta do Couto Mixto (imprenta Terra Galega, A Coruña, 1907). O libro está na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
Foron moitas as tentativas de rematar co estado privilexiado do Couto Mixto. A súa existencia molestaba aos gobernos de España e Portugal. Era unha terra moi pobre e con pouca riqueza. Ese foi un dos motivos polo que ninguén tivo o máis mínimo interese na zona.
Tras unha laboriosa negociación, admitiuse que o Couto queda pertencendo a España e a cambio cederíanse a Portugal os tres pobos Promiscuos de Cambedo, Souteliño e Lama de Arcos. Con este acordo en 1864, <<Convenio de Lisboa>> desaparecían os privilexios do Couto. A vixencia do tratado entrou definitivamente en vigor o 5 novembro 1868. O Couto perdía a súa soberanía e os seus privilexios, sen nin sequera ser consultados.
A partir desta época, empezou un fluído contrabando entre España e Portugal que durou ata ben entrado o século XX.
No ano 1998, ediles e veciños promoven iniciativas para recuperar a Memoria Histórica, promóvese a Asociación de Amigos do Couto Mixto.
A día de hoxe, tres <<Homes de acordo>> posúen as tres chaves, de Santiago, Rubiás e de Meaus e cada ano, o primeiro sábado de xullo, celébrase un Acto Cultural na Igrexa Parroquial de Santiago de Rubiás e elíxense diferentes personalidades como <<Xuíces Honorarios>>.
Documental de Isabel Martínez “A República dos Soños” (O Couto Mixto), 2007 http://canletv.agadic.info/curta/a-republica-dos-sonos/
DGMP 1085 La Raya Seca (Desde Galicia para el Mundo) https://youtu.be/-VmRjHO4F50
O Couto Misto/O Couto Mixto-(Galicia, Cruce de Miradas) TVG) https://youtu.be/DZ-ScGjMc7k
Libro: "Couto Mixto: Unha República esquecida", editorial Universidade de Vigo (2000), Luis García Maña