PELÍCULA GALEGA "O CORPO ABERTO"
A película galega “O Corpo Aberto”, producida por Ollovivo e dirixida por Ángeles Huerta, preséntase en Galicia na 27 edición do Festival de Cinema de Ourense, o vindeiro domingo 25 de setembro 2022, ás 19:30h. Haberá dúas sesións máis durante a semana do festival . Toda a información sobre o resto de pases aquí: https://www.ouff.org/gl/proyecciones/o-corpo-aberto/. As entradas poderanse adquirir a partir do mércores 21 de setembro 2022, na web galicine.es ou no despacho de billetes dos Cines Ponte Vella.
Baseada nun relato do escritor galego Xosé Luis Méndez Ferrín, a película está protagonizada polos actores Tamar Novas, María Vázquez, Federico Pérez, Elena Seijo, Miquel Insua e Vitoria Guerra.
“O corpo aberto" é unha coprodución hispano-lusa entre as compañías OlloVivo e Fasten Films de España e a portuguesa Cinemate, foi rodada o ano pasado integramente na rexión do Xurés-Gêres, entre as aldeas portuguesas de Tourem e Pitoes, na freguesía de Montalegre; e nos concellos galegos de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín, na provincia de Ourense.
A cinta narra a historia dun mestre que, a principios do século XX, recibe como primeiro destino Lobosandaus, unha pequena localidade da ‘raia seca’, na fronteira entre Galicia e Portugal. Nada máis chegar, o mestre (Novas), percibirá como o misterio e a morte conviven con naturalidade na vida cotiá da poboación deste estraño e abrupto lugar. Pero o profesor enfrontarase, desde o racionalismo e a ciencia, a unha crenza común da poboación local: o espírito dos mortos pode manifestarse e permanecer entre eles ao habitar outros corpos.
www.galicine.es